29 dic 2008

Campo das Redes ( net)

Aparentemente a miña rúa era a mais desastrosa do pobo; lama por todos lados, casas vellas e pequenas, e o edificio “ de Avelino o de Roque”, catro alturas de puro granito construído a maior gloria do alzamento nacional. Una tenda con tanta variedade (non cantidade) coma o carrefur: pantuflas, bacalao, chourizos, avecren, martinicas, chocolate, sifóns, Lapitusa, tarteiras, pienso e tercerilla para os porcos e as galiñas e un etc de produtos e cousas que nunca deixaban de marabillarnos. En frente da tenda, varias casas con patíns, e a cerdeira de Siña Rosa que situada no centro da rúa, dominaba a situación dende a costa da súa casa; ó fondo, tirando cara a Reboreda, algunha finca botada de herba e viño. Pola rúa e a todas horas había moitos animais, non só nenos, animais sen piedade e depredadores sen compaixón, senón tamén, cans, galiñas, pirús, porcos e varios kikirikìs. No medio e medio, cinco moreiras, cheas de follas e moras brancas (viña algún raro a coller follas para darllas de comer aos “jusanos”) e sobre todo, unha xoia, o noso lugar preferido, ala onde a rúa se xunta cos Eidos e bordeada dun muro infranqueable de silvas, onde se poñía a roupa ó clareo , estaba a explanada do Cemiterio: muro de pedra, porta de rexa de ferro... uns habitantes que nunca molestaban, e a presenza sempre tranquilizadora de Martín , o Enterrador, que se ocupaba de que aos habitantes deste lugar nunca lles faltara de nada, e de que a nós non nos molestaran mentres xogabamos. Neste “Maracaná” era onde os grandes partidos de ¿fútbol? fratricidas tiñan lugar, ningunha outra parte do barrio, (que curioso “barrio” chámolle agora, antes ningún de nós así lle chamaría) tiña a anchura suficiente para poder xogar correndo de un lado a outro.
Así con esta confusión nas ideas almacenadas, a miña fráxil memoria déixame recordar o barrio da miña infancia; e sei agora, coa sabedoría que me dan os anos, que a nosa calle, foi a mais moderna de todas cantas existiron en Redondela. O Campo das Redes, non se chama así por que algún mariñeiro estendera ó longo da nosa calle as súas redes para secalas e coselas, nooo que va, chamase así por que se adiantou o século XXI; tiña ese nome por que xa sabiamos que no futuro as Redes non volverían ser eses aparellos de malla que se usan para a pesca, nós precursores da modernidade, xa sabiamos que algún listo traduciría o noso idioma a algunha lingua bárbara, e mira ti, por arte de birlibirloque o Campo das Redes, convertido no Campo das “Nets”.
Non fai falta ser moi avisado para darse conta do que se agachaba detrás deste feito linguístico, a nosa calle era a primeira “net” do invento do século. A rede de redes que non pesca peixe: Alumáramos “Internet”. O noso humilde campo de xogos converteuse no primeiro laboratorio da urbi et orbi, onde se probaría o revolucionario invento dun sistema de comunicación sen fíos e instantánea. Unha inxente cantidade de informacións bulos e trapalladas se transmitirían a unha velocidade ata o de agora descoñecida entre os humanos.
¿Pero por que nos elixiron? ¿Porqué tiñamos ese privilexio? ¿ Que miraron en nós?
A resposta é, vista dende a realidade do 2008, moi sinxela:
Eles, sabían do avanzado do noso sistema operativo, antes que ninguén pensara nas famosas Windows, no meu barrio este sistema estaba amplamente instalado , non había nai , nin aboa que asomándose a véntana, o balcón ou dende o pé da porta lanzara as súas mensaxes: “ fulaniño, a comer,... fulaniño ven aquí que me tes que facer un recado,..... fulaniño pasa para casa que te vou a matar, ven a mirar o que fixeches....... estas ventás eran utilizadas dende a rúa de xeito inverso, ...." mama que hai para comer",.... "mama, marcho con Toñito ala abaixo a facer un recado", "francisco, sal que vamos a xogar un “golcasilla”" (modalidade fútbol na que interviñan moi poucos xogadores, e que solo se practicou en Redondela) e así transmitíamos todo tipo de sinais, códigos, mensaxes cifradas ..."xa vou.... non sei onde está.. espera un momento.. ".. etc....As veces abríanse tamén pestanas dentro deste sistema, vexamos: a túa nai chamaba, pero ti non querías oír, pois aí tés, sempre había algún que che dicía, estate chamando a túa nai,..... a túa nai vaite matar,....,déixache todo tirado..., e ti, que eras (ou te crías) moi listo, pechabas tódalas pestanas, e cadros de dialogo, e unha hora mais tarde abrías unha nova ventá,..... "mamá xa estou aquí ,.... fun a facerlle un recado a tía María.... estabas chamándome?... non te oín"... E así indefinidamente, día tras día, perfeccionando o sistema...
As noticias entre os habitantes do noso barrio voaban, todos coñecíamos o interior tanto das casas coma dos secretos que elas e os seus habitantes gardaban (cala cala, que aquí todo se sabe), todos tiñamos libre acceso a elaboración de rumores, todos nos compraciamos en espallalos adornados con datos recollidos non se sabe moi ben onde.
O cemiterio era unha axencia de noticias, un “nicho” de información que dirían agora, inagotable. Cando algún morto chegaba, (case que tódolos días) traia con el unha cantidade de información incrible; familiares, amigos, veciños do finado e curiosos en xeral, traian a nosa rúa, a nosa rede, unha cantidade de novas e comentarios tal, que non tiñamos tempo material de asimilar. Nós seguindo o noso instinto, esparcíamolas ou compartiámolas con todo aquel que quixera, sen ningún tipo de problema, e sen recibir, aparentemente, nada a cambio.
Afinando mais nos recordos podo asegurar que xa tiñamos os nosos propios servidores e buscadores. No banco de debaixo da cerdeira de Siña Rosa circulaban todo tipo de informacións, historias, chismes, segredos contados en secreto, detalles que alguén coñecía por segunda ou terceira man, todo tipo de informacións, codificadas ou non, susceptibles de poder ser vertidas de xeito oral ante un ou varios que a súa vez contaríanno ante un ou varios, así ata que a información variaba por completo tanto no seu contido como na súa orixe e destinatario. (Aprendemos mais tarde a non desprezar a comunicación non verbal, pois as veces, os silencios ou os xestos, as risas ou as sorrisos de medio lado, podían dicir mais que calquera comentario ben ou mal intencionado, pronunciada baixo a Moreira).
Si neste buscador “Siña Rosa.com” non topabas o que necesitabas saber, podías afinar a búsqueda acudindo a sitios especializados en noticias de todo tipo. “Mouriña.org” noticias do rural; na súa tenda se reunían as leiteiras tódolos días e ademais moita xente que dende a aldea, baixaba a feira cada 6 e 21 de mes.
Tiñamos sitios especializados en noticias do estranxeiro. Según de que país necesitabas saber, entrabas na páxina de calquera das familias que tiñan algún membro emigrando no estranxeiro, na nosa rede dispoñiamos case por igual páxinas europeas como americanas, tanto do norte como do sur, con claro dominio das paxinas arxentinas, suízas e francesas.
Algunhas persoas hoxe serían sinaladas como Blogers, pois eran especialmente dadas a dar a coñecer as súas intimidades , tiñan especial habilidade para que mostraras tamén as túas, e así cando se reunían por calquera motivo dous ou mais persoas con especial habilidade para as confidencias inmediatamente aparecía un foro capaz de facer un traxe a medida a calquera dos veciños da vila. Cantos e cantos foros tiveron lugar no meu barrio, incontables por moito que nos empeñaramos en facelo.
Eramos , e nos sen sabelo , o xermen das autopistas da comunicación, tiñamos, sen saber utilizalo, o poder da información (aínda que de vez en cando alguén quedaba fodido para sempre por andar en boca dos veciños) contábamos con que estabamos a pasar a infancia do xeito mais feliz posible, e xa ves, en realidade estábamos a facer historia sendo utilizados por un poder invisible que nos usou de ratos de laboratorio, ai que joderse o distintas que son as cousas de como un as recorda.
Cal será o meu verdadeiro recordo, Campo das Redes, ou Campo das Nets?
Serei un replicante froito da robótica, ou o fillo de Tonio o “patatero”e mais de Elisa?

Para todos os nenos e nenas do Campo de s Redes.


PATA.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Parabéns! disfrutei moitísimo coa túa orixinal e irónica maneira de acariciar a rúa das redes.Un relato fantástico!!!

Anónimo dijo...

"Un mundo feliz","1984","Sueñan los androides con ovejas eléctricas?", "La saga/fuga de JB"...e agora "Campo das Redes(net)"...intelixente relato con ingredintes do relismo máxico e salsa de retranca...todo aderezado con sutiles dosis de ironía...conforman unha divertida historia sobre a vida e avatares duns nenos nun peculiar barrio redondelano...demostrando que todo estaba xa inventado dende que o oso escomenzou a xirar a ritmo de Zarathustra...

Anónimo dijo...

Excelente ¡¡¡ . Aínda que discrepo sobre o "Golcasilla" , que penso que orixinariamente era exclusivo dos moradores do Atrio...... Tamén lembro os partidos a 4 porterías na praza da Alfóndiga con cruceiro polo medio.
Entrañabel ¡¡

Anónimo dijo...

GRAN RELATO

clasicos mundialitos en la plaza... muchas horas de juego nos brindó....

Anónimo dijo...

Muy buena reflexión: campo das redes 1970, Campo das nets 2009! Pata, parece que te estou mirando buscando wifi por entre os nichos do cemiterio! je, je, muy guay, sí señor.
Anabel Lee