4 mar 2009

A memoria dos amantes


A escuridade asolagabao todo arredor de sí...María aínda tiña os osos conxiados...pasara toda a noite mirando as estrelas...na percura de que un fugaz desexo imposible se instalase na súa vida...

Aínda podía sentir a suavidade das mans de Emilio...debuxando caprichos de xeométrica tenrura ó longo da delicadeza da súa pel...que logo fixaba cos beizos como si de unha liturxia necesaria se tratase...Esa máxica felicidade durou pouco na vida de Emilio e María...ou esa era a sensación que percorría a memoria dunha María que se alimentaba só de lembranzas...instalada na máis absoluta quietude física e mental...

María era unha moza soñadora...unha tarde de distraida frescura...atopouse frente a frente con Emilio...nunha especie de big-bang premonitorio, ámbolos dous esnafráronse nun meteórico encontro de libros ciscados, desculpas e mudo recoñecemento...Pasaron varios meses de miradas furtivas e esquivos despistes...ata que Emilio nun titánico esforzo imposto...decidiu que as súas vidas se reunisen arredor dunha taza de café (pois María optou por tomar unha singular combinación de herbas tranquilizantes...melisa, tila, herbaluisa, valeriana...como si unha especial poción narcótica necesitase para manterse en pé o maior tempo posible...).

A partires de ese día de ese día pasaron a ser dúas ánimas xemelgas...inseparables...un era o alimento que o outro necesitaba para subsistir e viceversa...vivían o un para o outro...tanto se necesitaban como podían precindir do resto do xénero humano...a vida xiraba entorno a eles mesmos...e eles entorno á vida...

Ó longo de dous anos a felicidade inundounos por completo...os días sucedíanse entre bicos, abrazos e esperas...as noites amábanse como se fose o derradeiro día que pasasen sobor a faz da terra...somentes o medo instalábase de cando en vez no corazón de María...un velo de tristura amarga e lonxana cubría a súa faciana...entón Emilio envolvíaa no calor dun abrazo que duraba o que dura a chegada do mencer...e nesa calor María atopaba o bálsamo que alonxaba aquela tremenda desazón, que cada vez máis a miudo...ía medrando na ánima de María...

Unha tarde pechada de inverno...na que o ceu choraba sen ter acougo...unha chamada entrou sen aviso no apartamento compartido...era o seu derradeiro ano de universidade...cando unha María descalza percorreu sen tino as rúas molladas de tristura...ata que na entrada do Hospital Xeral viron asombrados aquela desfeita de humidade e dor...que presurosos dispuxéronse a cubrir de mantas e pastillas...aquela rapaza atopábase demasiado lonxe para podela axudar...

María Vilas, foi atendida dunha forte crise nerviosa no departamento de urxencias do devandito hospital...atada e sedada en exceso, permaneceu tres días en vixiancia..."Emilio" e "non" foron as únicas e mil repetidas verbas que sairon daquel ser triste e lonxano, que perdeu a razón un 20 de Novembro a entrada da porta nº3 de urxencias do Hospital Xeral...Días máis tarde, foi ingresada na unidade para enfermos mentales de Conxo...sometida a diversos tratamentos...que nunca deron nin darán fruto...pois María xa non pertence a este mundo...

Dúas horas antes...pola mesma porta...un cadáver e un ramo de frores...debuxaban as invisibles liñas a percorrer...Entre ambos, un cambio de gardas e cansancios...Ninguén foi quen de relacioar ditos acontecementos...que permanecerán agochados de por vida na soedade lavada da habitación dun hospital psiquiátrico...
Emilio Soutelo ingresou cadáver no Hospital Xeral de Compostela o 20 de Novembro de 1986...a súa motocicleta petou frontalmente cun camión de reparto de Correos...no informe da policía local...nas derradeiras liñas, logo das especulacións policiais sobor da causa do sinistro...como si unha estrofa roubada dalgún poema se colara sen permiso entre doceas de datos técnicos e teorías do máis diverso e variado tipo, aparecía aquela singular referencia a un ramo de fermosas frores, que o motociclista portaba na súa man esquerda, e ó que permaneceu amarrado, cunha obstinación que foi máis alá da vida...ata que un profesional e aséptico doutor...consegeu arrincarllo, despois de non poucos e continuados esforzos e coa inestimable axuda dos medios técnicos que o hospital puxo o seu alcance...o seu derradeiro lazo con María...

Nunha beirarrúa calquera de Santiago...coa noite ainda pegada ós pés, movida pola enerxía fruorescente do traxe amarelo limón, Xenerosa marcaba os pasos do seu particular baile, namentras tatareaba polo baixo algún tema de moda...nestas estaba coa escoba e o recolledor a pleno rendemento, cando a curiosidade,( que non poucos gatos ten matado), por unha banda e o tedio, (que outros tanto ten engordado), da tarefa repetida a diario durante longos anos por outra...fixoa reparar nunha coqueta nota...de destintadas humidades...nela un nome de muller...María, e garabateado coa axilidade dunha man destra...un pequeno poema de amor...cada verba era un cativo tesouro...de beleza aprendida, a emoción deslizábase por cada liña, medrando conforme medraba o poema...era como si a inmensidade do universo estivera agochada naquelas poucas liñas que cabían na palma dunha man...todo isto fixo tremer o corpo desacougado de Xenerosa...que entre lágrimas...leu e releu a nota incontables veces...ata o punto de descuidar o progreso dos seus quefaceres laborais...incorporando a presa...como novidade nun recorrido repetido e calculado ata a saciedade...

Logo, xa na intimidade da casa...coas rúas a medio barrer...mañán sería outro día...gardou aquel pequeno regalo sen remite...entre os aneis, pulseiras, colares e pendentes, como unha xoia máis de incalculable valor...Foi a derradeira homenaxe a memoria dos amantes...


Anonimacrónico

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Humidade....pastillas....piso de estudiantes....tristeza..

"...A historia de amor máis fermosa de Compostela..."
( A nosa Terra )

Anónimo dijo...

É precioso. Precioso. Anonimacrónico, é precioso.
Anabel lee

Anónimo dijo...

Que tristura embarga a un na lectura deste relato, ás veces non nos decatamos de que o bo, belo, verdadeiro...tamén ten fin, unha fin nos desexada nin buscada...fermoso relato anónimo-crónico.