1 feb 2009

Todo empezou a noite de fin de ano.

Todo empezou a noite de fin de ano.
Pensándoo ben, eu non tiña motivos para ir a esa festa na casa do meu amigo alá na aldea; atopábame triste, con esa tristura que dan os anos que pasan vertixinosamente e dos que parece que só somos conscientes a noite de fin de ano. Tiña a sensación de que nunca ía cambiar a miña vida; a monotonía dun día e doutro, e doutro e de todos os que ían tralo anterior. Vida monótona e rápida.
Pero esa noite fun á festa; ducheime, puxen o meu mellor e máis discreto traxe e encamiñeime a coller unhas botellas de licor ao soto da miña casa. As escaleiras que baixaban eran de madeira, de madeira vella e ruidosa, e con cada paso e cada son repetía na miña linguaxe interior: “Para que vas, parva da merda? Vai ser como outros anos, tocarache algún trompa ao que aturar, cos vómitos que, por axudar ao teu amigo, vas a ter que limpar. Non vaias que no vai merecer a pena, non vaias”.
Por suposto que non fixen caso ao meu pensamento. Por suposto que fun, facendo o que fixen outras tantas veces: o contrario do que o meu raciocinio aconsellaba. E fun, collín as botellas, o meu bolso, o meu coche e ……. carreteira adiante cheguei á festa.
As luces de fora da casa estaban prendidas e, na escuridade da noite, semellaban dúas estelas de luminosidade dando ao resto do espazo un aspecto tétrico, lúgubre, misterioso, e por que non dicilo: tenebroso.

Ao dar unha volta ao camiño, os faros do meu coche empezaron a iluminar parcialmente unha gran árbore que tiñan a un lado da casa, e, cal non sería a miña sorpresa, cando mirei trala árbore algo que se movía e que non tiña aspecto de ser humano.
Co susto e por inercia, pisei con forza o acelerador índome a estampar contra o seto que rodeaba a casa, un seto de camelias e ligustro. Non o esquecerei na miña vida: camelias e ligustro.
Como na casa estaban, xa había rato, de festa, non deberon oír o golpe nin os meus gritos. Polo tanto fiquei soa metida no coche, coas botellas de vino polo chan e dando uns gritos desaforados que sufocaba o ruído do interior da casa.
Decidín, á vista do ocorrido e de que non acudían os de dentro ás miñas chamadas de socorro, saír do coche. Así que decididamente collín o bolso, o abrigo e as botellas e saín a presa, disposta a dicir aos da casa o que me pasara, e quizás tamén a reprocharlles que non me fixeran caso nin cando estaba en apuros.
Estaba neste intre cando unha luz, mitigada polos meus ollos chorosos (en parte por nervios e en parte de irritación), viña cara a min. Fretei os ollos con forza e, ao abrilos, atopei ao home máis guapo que mirei na miña vida. Un home que me sorría e que amosaba uns dentes brancos e relucentes, cunha cara de faccións “cuasi” perfectas.
Un home que dicía cun raro acento un no sei que de: onde vai soa nunha noite como esta unha muller tan guapa coma ti… e un non sei que mais. Digo un no sei que mais porque foi así. Non era capaz de escoitar aquelas verbas sacadas dunha boca en pleno sorriso tan espectacular como aquela. Estaba, como normalmente se di, obnubilada, noutra terra, noutra esfera.
De súpeto baixen, baixen da pola na que o home luminoso me puxera, e cos ollos mirando cara ao infinito dos seus ollos pregunteille precipitadamente: como te chamas estranxeiro?, de onde ves? de onde saes? , que queres de min?.
Cando dicía estas palabras íame poñendo máis e máis ansiosa, pero sentía como os nervios, a rabia e a tristura pouco a pouco desaparecían do meu ánimo entrando nel unha sensación de cambio e de expectativas que xamais tivera.
O home, sen borrar o sorriso dos seus labios, foise desdebuxando, e difuminando no escuro da noite mentres dicía cunha voz especialmente profunda: Son o espírito do ano novo. Vin para ver como acababas co espírito do ano pasado no teu choque. Remataches ben ao ano vello. Xa es a miña aliada, a rei morto, rei posto.
Con este acontecemento, como podedes comprobar, perdín o medo ao paso dos anos e tamén empecei a facer cada día distinto ao anterior, e a este do anterior e así , para min, xa o paso dos días son unha oportunidade e non unha derrota.
Como non creo en deuses, dou grazas diarias a aquel espírito do ano novo corporizado no home máis guapo que eu xamais mirei, doulle as grazas todos os días facendo cousas impredecibles e divertidas; sorrindo a destro e sinistro. Je, Je, ¿oíches?…….¡SINISTRO!
HELENA

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Relato fantástico que nos pasea de forma xenial polo mundo das aparicións...das visións que poden chegar a cambiar a vida dunha persoa...Helena introdúcenos no relato mediante unha sútil técnica de elementos de terror que parecen conducirnos a un determinado desenlace...para mediante un cambio de efecto agasallarnos co seu balsámico optimismo...

Ana Gesteira Ponce dijo...

imaxino perfectamente a pantasma no monte de reboreda....

Anónimo dijo...

Un relato coma este tiña que ter continuación, e narrar nesa prosa tan sinxela e intelixente os cambios que experimentou a protagonista depois da aparicióm. Sería interesante para todos nós, os lectores.
Grazas polo teu relato Helena

Anónimo dijo...

Una historia sencilla para explicar el paso de la monotonía a los cambios

Anónimo dijo...

....Helena volve á carga cunha envolvente e orixinal revisión do conto antes de nadal de Dickens , trasladando a data para fin de ano , claro ¡¡ así saen os fantasmas tan guapos e arreglados ¡¡¡

( Revista Año Cero )