Esta noite voltou a soñar...e o soño era él...
O suor baña por completo o corpo aínda non esperto de todo...eran as seis e media da
mañá dun oscuro día de inverno, un deses días onde parece que nada bo pode acontecer...o vento asubiaba nos recunchos, era coma unha especie de advertencia, como si él... soubese algo que nos non chegábamos sequera a sospeitar...
Abaixo o gando, tamén parecía intranquilo, os muxidos ascendían polo hoco da lareira, chegando, como si de unha nova tecnoloxía se tratase, ata a habitación...
Con estas premisas era lóxico que o corpo do siño Tomás, non desexase outra cousa que permanecer no calor reconfortante da cama marital, unha cama de follepos de millo que xa coñecera tempos mellores, cando a vida era un compartir continuo de experiencias, cando o amor arrincaba os “aies” propios da xuventude, que non coñece nin quere coñecer medida...
Agora, atopábase só...os fillos emigraran, cruzaron o océano...xa facía varios meses que non sabía nada de ningún dos dous...se súa nai vivira...seguro que non sería capaz de pegar ollo...Lembrou aquela tarde de verán, cando o sol escomenzaba a súa curva descendente, anunciando a chegada da noite, e os nenos Tomasiño e Xan tardaban máis do que unha nai ten a ben esperar...Tivo que collelo camiño tralos matos da coutada, e dando un rodeo ó “penedo de lobo”, foi entrando ós poucos, entre carballos centenarios e castiñeiros de indias...na búsqueda obrigada dos meniños...era o camiño máis curto que evitaba “o penedo”...para poder chegar ás chans...onde sabía que os nenos soían xogar, namentras o gando pastaba tranquilamente ós verdes, que alí duraban todo o ano, pois era sitio onde a auga manaba por tódolos recunchos, sen agotamento...coma un regalo co que a terra regaba os camiños e henchía as fontes e pozas para alimentar cada centímetro da ladeira do monte...
Cando chegou xa non quedaba nada, nin de nenos nin de gando...seguramente colleran o camiño das coutadas...que a pesares de ser máis longo...tiña a avantaxe dos regos de auga , onde as carreiras de paus e cunchas de noz, facían a volta moito máis divertida...e o gando podía ir picoteando arrente os muros deliciosos bocados de herbas tenras, e de cando en vez, ráscalo lombo contra as laxes quentes de sol, o que parecía ser un grande pracer para a Pinta e a Morena...dúas campionas leiteiras de orixe frisón...que eran o tesouro máis preciado da familia, e unha fonte incalculable de ingresos e calorías...nun tempo onde escaseaba o diñeiro e abundaba a fame...
Namentres os nenos, axenos a toda preocupación de tempo e pais...entretidos en xogos inocentes que só interrumpían, cando as dúas marquesas quedaban demasiado rezagadas, por atoparse disfrutando sem medida algunha dos mencioados praceres caniculares...desa pequena liberdade vixiada por dous cativos alegres, que as trataban coas cortesías propias da súa realeza productiva...empuxándoas cariñosamente cando as distancias que os separaban superaban os criterios da prudencia, que os cativos tiñan ben aprendida...e que reforzaba o cariño con que nenos e bestas se entendían...
sen necesidade de ningún outro método de forzada convicción...
Tomás pai...vendo dende o alto dun pequeno outeiro que os rapaces xa se recolleran...
para gañar o tempo que perdera polo camiño, dándolle gusto o rapaz que tamén él levaba dentro, cos fuciños tingados de mourado, decidiu de pronto, sen saber por qué
...cruzar polo “penedo do lobo”, seguindo o antigo camiño que facía xa moitos anos, levaba, através dunha encurcillada múltiple, o ceminterio vello...xa pechado moito antes de que él nacera...pero do que se contaban moitas historias, historias o pé das lareiras, nos escuros días de inverno, historias de feitos que ninguén vira...pero que todo o mundo coñecía...polo que case tódolos paisanos evitaban esta ruta...de día e sobre de todo nas noites, onde o medo medraba conforme a luz menguaba...
Así armado dun valor que non tiña...Tomás lanzouse a caída da tarde, por onde poucos o facían de día, e ninguén de noite...
Antes de nada, sacou do peto da camisa, un paquete de Celtas cortos, con tranquilidade arrimouno os beizos, e cun movemento moitas veces ensaiado...un par de toques...e o pitillo estaba na boca do beneficiario fumador...de seguido meteu a man no peto do pantalón de tergal gris...e colleu unha pequena caixa de mistos coa figura dun coello, como se dun xogo de prestidixitación se tratara...logo prendeu o pitillo, aspirou unha profunda bocanada, como para facer acopio de folgos, e iniciou a travesía...
O primeiro treito... ía tranquilo, tirando do cigarro, asemellaba unha luciérnaga cruzando o monte coa súa luz de laranxa fruorescencia...conforme a escuridade ía gañando terreo, e as sombras das árbores ían alongándose,formabánse figuras caprichosas que parecían saltar hacia o camiño, ameazantes..entón o medo amarrouse os pantalóns de Tomás...que axilizou os seus pasos..
De cando en vez asubiaba, recurso
moi efectivo cando o medo non se pode ver, e a escuridade agocha todo o que está máis aló do noso nariz...Chegado o primeiro dos cruces, a noite seguía avanzando, envolvendo o todo de sombras, un lixeiro vento arremuiñábase no cruce, formando unha especie de coro doente, máis propio do outro mundo que deste...
Nestas circunstancias chegou Tomás o cruceiro de pedra que coroa toda encrucillada para tranquilidade de andantes perdidos e, como non dun Tomás que xa non tragaba con moito xeito...
Aínda que non era relixioso, un pouco por medo, un pouco por superstición, non vaia a selo demo, fixo o sinal da cruz, e aínda que tivo as ganas e a motivación da que sempre carecera...quixo rezar algo...pero non sabía ningunha, as poucas veces que ía a misa obrigado...era dos que movía a boca, sen que ningunha verba saíra máis alá dos seus beizos, namentres co rabillo do ollo vixiaba nerviosamente o resto dos ferigreses, por si algún puxera nome a súa impía farsa...
moito lle pesaba nestes momentos...polo menos unha curtiña, que mal non lle había
de facer...e sempre o podía quitar dun que outro apreto...
Seguidamente torceu a esquerda...pois lembraba que despois de cada conto que mencionaba a este tortuoso itinerario...marcado na súa memoria por un medo que o facía dormir tapado ata as orellas e...pola reiterada repetición do seu avó...”na encrucillada
coma na mili...esquerda, dereita, esquerda...
Un “chasquido”, como de rama rota, volveu a meterlle o medo no corpo, e como si lle prenderan lume no cu...saiu a carreira, tropezou cunha raíz que cruzaba dun lado a outro...e bateu co cu no chan, o que pareceu servirlle para aliviar a queimazón, que intres antes o susto lle achegara as posadeiras...Durante o tempo que estivo no chan, permaneceu inmóvil, agudizou o oído, todo estaba en silencio...fixo acopio de folgos, esta vez sen pitillo, e lentamente erguéuse, sacudiu a terra das roupas, que aínda que non miraba sabía que estaba alí...
Así entre unhas e outras foi avanzando ata a segunda encrucillada, estaba cagado de medo, para non mirar, como si de repente unha tortícolis lle retorcese o pescozo, xirou a cabeza hacia a dereita...tan só vislumbrou apenas un esbozo do antigo cemiterio, situado a esquerda, silencioso, cheo de sombras que multiplicaban as cruces a luz da lúa, que se filtraba por un pequeño claro...coroando as tumbas abandoadas polo tempo, cobertas de humidades e liquens, que lle daban un aspecto ameazante moi a ter en conta...como si de un salto devorase a todo aquel que tivera a ben pasar pola súa beira.
Presinouse tres ou catro veces seguidas, e sen atreverse a mirar atrás, xirou esta vez a dereita....lembra...lembra...”esquerda...dereita...esquerda”
...coma na mili, coma dicía o avó...por algo sería...el sabía destas cousas...coñecía ben o asunto...
Nestas e noutras cavilación parecidas ía avanzando a trompicóns...cada ruido, cada sombra...parecían agochar un funesto propósito...dábanlle de comer a un medo que parecía ser un saco sen fondo, pero tamén e xusto dicir...exerceran como cura de inmediatez absoluta a tortícolis que pouco facía, paralizara o pescozo do Tomás...pois agora a cada paso, movía a cabeza a un lado e outro, como si algún extrano ente de ultratumba ou similares moradas o estivese abofeteando...ou repentinamente trocara a rixidez da tortícolis polo movemento frenético dun craneal baile de San Vito...
Nesas estabamos cando chegou o outro claro...outra vez a luz da lúa xogaba a dúas bandas...por un lado poñía un pouco de luz entre tanta sombra...o que en principio tiña un breve efecto relaxante, e por outra insuflaba de vida unhas sombras, que medraban e medraban...ata paralizarlle o sentido a calquera...sendo o remedio peor que a enfermidade...
Cántas veces se deu o título honorífico, gañado a pulso, de parvo entre os parvos...cántas veces se arrepentía...tantas coma levaba persinándose...que non eran poucas...para ser máis claros non se persinara tantas veces, nin por asomo, nos seus vintacatro anos de misas obrigadas, bodas, bautizos, comunións, enterros...e todo tipo de rituais non paganos que percorrera ó longo de todos estes anos...Así coma na escola a letra con sangue parecía entrar...tamén a fe con medo asimilábase moito mellor, como de corrido...podendo prescindir de parábolas e bareazos...
Cando se decatou...estaba, sen que lle dera tempo nin a tortícolis nin a outras doenzas de efectivo disimulo, enfrente do coñecido coma, “penedo do lobo”...A súa cabeza voltaron as historias do pai de seu pai...historias de lobishomes...de homes do unto...pero sobor de todas...de ánimas en pena...que percorrían na noite os camiños que levaban, como os de Roma...a San Andrés de Teixido...que vai de morto o que non foi de vivo...Esta era a categoría de ánimas máis afable, pois tiñan un obxectivo en non soían reparar noutros viandantes cos que tropezaban...outra cousa distinta eran as ánimas errantes...co esas si era millor non atoparse...pois moitas e moi variadas eran as consecuencias...dende golpes e pallizas como escarmento (que case era o mellor que a un lle podía acontecer), ata pasar a engrosar as filas para non voltar endexamáis...ou perder a fala ou razoamento, que para o caso ben a ser como non voltar endexamáis...
Con todos estes medos ó lombo... pechou esta vez os ollos, para enganar non se sabe a quén...pechou os puños por si había liorta ou máis ben para asimilar mellor as labazadas que da eternidade podían xurdir...e paso a paso, coma quen mide un balado...foi avanzando...dirección esquerda seguindo os consellos do seu avó...non foron nin golpes, nin forzados alistamentos...
senón a ausencia...de calquera alteración da normalidade...
Isto houbo de tranquilizalo
e houbo de abrilos ollos...cada paso recuperaba a confianza...cando de súpeto...unha procesión de cirios alumearon o camiño...tan grande foi a impresión que o que antes parecía un home...agora era un boneco de xionllos no chan, chorando, pregando a deus...con verbas que non estaban en ningunha das oracións ata hoxe escritas...e así
...nun tempo que non se pode nin se poderá medir...as ánimas foron pasando en ceremonial penitencia, resplandecendo na noite...(coma unha longa serpe fruorescente)...non se detiveron...non repararon en criatura algunha...tan só rozaron coa súa estela o corpo encollido de Tomás Salgueiro...percorrendo a distancia ata San Andrés de Teixido...
A figura que chegou a casa máis se asemellaba a unha estatua de cera, que a un home con sangue nas venas...as atencións dos fillos e da muller non foron quenes de arrincarlle unha palabra...durante días permaneceu na cama...con febres altas e humidades continuas...unha e outra vez repetía, coma de un trauma de militares reminiscencias...esquerda...dereita...esquerda...esquerda...dereirta...esquerda...esas foron as únicas verbas que sairon da súa convalecencia...Pasadas dúas semáns...foi recuperando a cor, logo escomenzou a comer, confiando o seu retorno o poder balsámico e miragreiro das tazas de caldo...e a vida que pareceu escaparlle por un momento...voltou o corpo de Tomás...paseniñamente...pero o home que saiu aquela noite do monte...xa nunca voltaría a selo mesmo...
Días máis tarde tivo a súa primeira visión...o zapateiro da aldea levantábase da cama,
vestíase e percorría o camiño o camposanto para desaparecer engulido pola néboa...
o día a seguir as campanas anunciaban a morte de Xenaro... o zapateiro da aldea...
Estas visións nunca abandoaron a Tomás...ata a noite que miraron marchar a Lucía...a súa muller.
Anonimacrónico
4 feb 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
3 comentarios:
Parabéns! emocionante, ate o último intre estaba agardando que o das ánimas fora unha alucinación do noso protagonista...habelas hailas... moi ben anónimacroniño,engaiolante teu relato.
Moi, moi, moi, ben! É o malo de ter poderes paranormais que non teñen os normais, que ás veces voltan na túa contra e acabas vendo a túa propia morte. Moi bó, en serio. Anabel Lee
...Un magnífico relato . O Anonimacrónico é o sucesor da longa tradición galega de contos de aparecidos e santas compañas....segue soñando ..pero cousas boas..¡
(Diario El Caso)
Publicar un comentario